400 titulados menores de 35 anos obterán experiencia laboral en empresas privadas a través dunha bolsa da Deputación
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a concesión de bolsas a 400 titulados universitarios e de Formación Profesional, menores de 35 anos e sen experiencia laboral previa, para que poidan realizar prácticas laborais na empresa privada.
Os mozos cobrarían, a través do convenio que a institución provincial asinaría coas entidades privadas, unha bolsa próxima aos 1.000 euros mensuais durante un período de 6 meses prorrogables 6 meses máis.
Este plan entraría en funcionamento en outubro, cun presuposto de 4 millóns de euros e as empresas que estean interesadas en formar parte do programa contarán con 20 días hábiles dende a publicación no BOP para presentar unha solicitude.
Dende a Deputación priorizaranse as solicitudes das empresas que garantan a continuidade do mozo na actividade empresarial.
O presidente da institución, Rafael Louzán, apuntou a que este plan se suma ao desenvolvido nos Concellos da provincia destinado a 500 titulados universitarios e que contou con grande aceptación.
Aprobouse tamén un novo Plan de Emprego para contratar 720 operarios con destino aos concellos da provincia.
Coas dúas iniciativas, segundo sinalou o presidente provincial, a Deputación contratará en 2013 preto de 3.000 persoas a través dun investimento de 3 millóns de euros.