Unións Agrarias reclama un control da produción da D.O. Rías Baixas limitando as novas plantacións
Por Redacción
Nun ano no que se agarda a recollida de máis de 30 millóns de quilos de uva pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas, José Ramón González, secretario de Agricultura de Unións Agrarias mostra a súa preocupación pola falta de regulación da produción: "non podemos producir máis do que vendemos", indicou. Non obstante, móstrase contrario a que se leve a cabo un mecanismo de control a través do rendemento por hectárea como pretenden as adegas e sinala que esta opción foi tombada polos xulgados a través de 14 sentenzas. A alternativa que propón céntrase en limitar as novas plantacións.
Por outra parte, reclama a estabilidade do prezo da uva a través da 'mesa do viño'. Segundo sinala José Ramón González nas últimas 'mesas do viño', o sector industrial acode sen achegar nada e pide á Xunta que os bodegueiros que vaian pola vía da especulación saltándose os acordos queden sen axudas públicas. Indicou que, de non facerse así, se prexudicaría á calidade da Denominación de Orixe converténdoa en "mediocre".