O bo tempo activa as pragas do buxo e da viña nas Rías Baixas
Por Redacción
A alerta sanitaria polo coronavirus non é a única ameaza que afecta á poboación. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación, mantén a súa actividade de vixilancia diante doutras pragas e enfermidades que afectan as plantas e acaba de lanzar unha mensaxe de alarma acerca da bolboreta do buxo e o mildiu dos viñedos.
A responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez Otero, subliña que as altas temperaturas destes días están a favorecer o avance de pragas. Deste xeito, observouse que as orugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) están a saír da hibernación e xa empezan a notarse síntomas evidentes da súa alimentación.
Aínda que o problema aínda non está xeneralizado, recomendan a revisión profunda do xardín para retirar os brotes afectados e aplicar o tratamento pertinente.
Doutra banda, o fungo do mildiu aínda está en fase de inicio da súa actividade polo que aínda non é necesario aplicar ningún tratamento.