Dúas persoas feridas tras agredirse mutuamente en Vilalonga
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para aclarar unha agresión con arma branca rexistrada na tarde deste xoves en Vilalonga, en Sanxenxo.
Trátase dunha agresión mutua entre dous homes. Un deles pegou golpes ao outro e este defendeuse usando un cortador de uñas. O do cortador de uñas foi presuntamente o autor da agresión máis grave, pois lesionou ao seu opoñente no peito.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a agresión produciuse sobre as cinco e media da tarde e, como resultado da mesma, resultaron lesionadas as dúas persoas implicadas.
En concreto, a persoa agredida co cortador de uñas foi trasladada ao Hospital Montecelo, onde en principio presenta lesións de carácter leve. O outro implicado foi trasladado con lesións leves ao centro de saúde.
As dúas persoas implicadas foron identificadas pola Garda Civil, que agora investiga os feitos para determinar exactamente que ocorreu. Ambos son veciños da zona.