As familias monoparentais terá un desconto do 20% no campamento 'DepoAventura A Lanzada'
Por Sara Iglesias
A Deputación de Pontevedra abre o mércores 4 de marzo o prazo de inscrición para participar nos campamentos de verán ‘DepoAventura A Lanzada’. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles.
Trátase dun programa que consiste no desenvolvemento de campamentos de verán no Centro de Vacacións A Lanzada, nos que a rapazada de entre 8 e 13 anos participa en actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas, co obxectivo de contribuír ao seu enriquecemento persoal e de facilitarlles coñecer outros lugares e accións fóra da súa contorna habitual.
Durante unha semana os nenos e nenas poderán realizar actividades de convivencia, náuticas, medioambientais e de lingua inglesa. Ademais, a Deputación tratará de espallar os principios de igualdade, dándolle visibilidade ás mulleres dos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, co obxectivo de poñer en valor o papel daquelas que lograron fitos importantes nestes campos, e tamén se porá especial atención no uso da linguaxe, actitudes ou músicas non sexistas nin discriminatorias.
O programa ofertará un total de 2.200 prazas: 1.900 para o procedemento xeral e 300 para menores en situación ou risco de exclusión social. A Deputación asume o 50% do custo total no caso das prazas de procedemento xeral, quedando un importe de 100 euros por persoa, e o 100% nas prazas destinadas para menores en situación de risco ou exclusión social, sendo totalmente gratuítas.
Como novidade de cara a este ano incorpórase a posibilidade de que as e os menores de familias monoparentais se beneficien dun desconto do 20% sobre o prezo da praza, do mesmo xeito que as familias numerosas.
Nesta nova edición, os campamentos vanse desenvolver, entre o 21 de xuño e o 5 de setembro, en 11 quendas de 7 días de duración cada unha e cun máximo de 200 participantes.