![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/444/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5e5e479ac1-img-2221.jpg)
© PontevedraViva
O goberno canario, decidido a adaptar o Plan Revitaliza de compostaxe nas illas
![Manu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/c92/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/613a3b2f4f-20210902-patxot-radio-programa-deportes-1889.jpg)
Por Manu Otero
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/b07/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5e5e47308d-img-2217.jpg)
© PontevedraViva
A visita institucional do goberno canario, integrada por alcaldes, cabildos, conselleiros e outros membros dos executivos insulares; viviu este martes un novo episodio co encontro no pazo provincial coa presidenta da Deputación, Carmela Silva; e o vicepresidente, César Mosquera.
Os mandatarios explicaron de forma detallada a implantación do plan Revitaliza para o tratamento dos residuos orgánicos na provincia que se quere implantar en Canarias.
"Estamos tendo unha repercusión polo traballo. Non sei se é porque o estamos facendo ben, agardo que si, ou porque hai poucos sitios onde mirar ante un problema que é universal e está sen resolver. O Plan Revitaliza é unha humilde pero exitosa experiencia e é o que fai que teñamos estas visitas", declarou o vicepresidente Mosquera ao finalizar a reunión.
Pola súa banda, o conselleiro de Transición Ecolóxica do goberno canario, Jose Antonio Valbuena, mostrouse sorprendido coa boa acollida e resultados do plan Revitaliza. "Cría que tiña máis percorrido no tempo, pero leveime unha grata sorpresa ao saber que en catro anos conseguiu uns resultados espectaculares. O plan está a demostrar o que din os modelos teóricos, que o problema na xestión dos residuos resólvese abordando de maneira decidida a xestión da materia orgánica", asegura Valbuena.
O obxectivo desta visita, segundo o dirixente canario, é recoller toda a información posible para que no menor prazo posible "os sete cabidos insulares poidan ter o seu programa de tratamento de materia orgánica". Ademais xa teñen unha folla de roteiro marcado para a redución do uso de plásticos e a recollida selectiva en todos os domicilios dos 88 municipios do arquipélago.
A visita institucional viviu o luns a súa primeira xornada coa visita a diferentes centros comunitarios de compostaxe repartidos por toda a provincia, así como ao CIFP Carlos Oroza. Este martes, ademais da reunión cos mandatarios da Deputación, a delegación canaria ten previsto tamén coñecer a implantación do plan de compostaxe no Concello de Pontevedra.