Os núcleos do litoral de Vilaboa protestarán en Santiago ante a chegada de novas multas
Por Oskar Viéitez
Ante a chegada de novas multas para derrubar casas no litoral, o colectivo de afectados Salvemos Vilaboa convocou para este mércores unha manifestación en Santiago ante a sede da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Como resposta, mediante un comunicado remitido este martes, a Consellería de Medio Ambiente lémbralles que os concellos como Vilaboa- cuxos núcleos costeiros están delimitados no planeamento, pero cunha afección da liña de servidume que impide usos residenciais- deben acreditar ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que ditos núcleos cumpren os requisitos establecidos na nova Lei de Costas para a súa legalización e solicitar o pertinente informe nese sentido ao propio Ministerio.
Nestes casos, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística deixará en suspenso a imposición de multas coercitivas e a execución forzosa dos expedientes de reposición da legalidade abertos en ditos núcleos, mentres o Ministerio non se pronuncie ao respecto.
A Xunta indica que ata o momento o Concello de Vilaboa "non remitiu documentación algunha que acredite a posible rebaixa da liña de protección dos 100 aos 20 metros nos seus núcleos costeiros afectados por expedientes de reposición, polo que mentres tanto a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) continuará coa adopción das medidas para restaurar a legalidade urbanística vulnerada".