20.000 prendas de roupa recollidas en Poio terán unha segunda vida con fins sociais
Por Redacción
A organización Humana Fundación Pueblo para Pueblo recolleu máis de 9.100 quilogramos de roupa usada en Poio durante o ano 2019. Esta roupa terá unha reutilización e será trasladada a programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia, ademais de para programas de fins sociais en España.
A cifra alcanzada durante 2019 supón un incremento de máis do 12% respecto a 2018, onde se recolleron 8.174 quilos. As toneladas recollidas equivalen a 20.000 pezas que, por unha banda, evitan a xeración de residuos e contribúen á loita contra o cambio climático e, por outra banda, axuda a outras persoas en situación complicada.
A reutilización destas pezas representa un aforro de 29 toneladas de CO2 á atmosfera, segundo esta organización. A Comisión Europea indica que, por cada quilo de roupa que se recupera e non se incinera, déixanse de emitir 3,169 kg de CO2.
As persoas que doaron depositaron a roupa, o calzado e outros complementos do fogar que non utilizaban nos contedores de cor verde que se atopan en distintos puntos do municipio. Este servizo de recollida selectiva de téxtil é gratuíto e supón tamén un aforro na recollida para o Concello.