Requisan en dous coches dúas toneladas de marisco que non pasou os controis de comercialización
Por Redacción
Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia e a Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, realizaron nos últimos días un operativo de control da comercialización por estrada que se saldou co comiso de preto de 2.200 quilos de marisco en Marín e Pontevedra.
Os axentes pararon un vehículo en Pontevedra e outro en Marín e requisáronlle a mercadoría que transportaba debido a que non estaba debidamente documentada, segundo informou a Xunta de Galicia.
En concreto, en Pontevedra a mercadoría comisada polos axentes foi 884 quilos de ameixa xapónica e 9 quilos de carneiro e en Marín requisaron 814 quilos de ameixa xapónica e 491 quilos de berberecho.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, o departamento que dirixe Rosa Quintana pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais de comercialización.