Este venres pode ser un bo día para facerse doante con só pasar pola Peregrina
Por Redacción
Este venres dende as 10 da mañá ata as 21 horas, unha unidade móbil instalarase na Praza da Peregrina para acoller doazóns de sangue. Este ano baixaron as reservas de todos os grupos de sangue e volven ser necesarias máis reservas, sobre todo, para o verán. Así o manifestaba, Antonio Carcedo, responsable de promoción de doazóns. Durante o pasado ano rexistráronse 3.887 doazóns de sangue na cidade de Pontevedra cun leve descenso en relación co ano anterior.
Non obstante, o representante da Asociación de Doadores e Receptores de ÿrganos (Adrovi), Celso García, indicou que Pontevedra é unha cidade moi solidaria na que apróximadamente 10.000 persoas contan con tarxeta de doador. Neste caso, durante este venres 19 na unidade móbil tamén ofrecerán información sobre a doazón de órganos, centrándose sobre todo na medula ósea que permite a extracción das células nai necesarias para un transplante. As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono do Centro de Transfusión de Galicia: 900.100828 ou no 900.102.688
No caso das doazóns de sangue, as persoas que se acheguen pola unidade móbil manterán unha entrevista previa cun médico para que lles realice un exame básico para garantir que pode ser doador. A intervención só leva dez minutos e, como indican os promotores, a cantidade extraida é de 450 ml. que se recuperan case de inmediato e poden chegar a salvar tres vidas.
O alcalde de Pontevedra que recibiu os representantes destes colectivos indicou que están a estudar a petición de instalar en Pontevedra unha estatua de homenaxe ao doador cunha figura deseñada na Escola de Canteiros.