Poio volveu a batir en 2019 o seu récord de poboación cun padrón de 17.082 habitantes
Por Redacción
A tendencia de crecemento no que a cantidade de poboación se refire continúa consolidándose en Poio. Así queda reflectido nos últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), correspondentes a 2019, que cifra en 17.082 o número de veciños empadronados no municipio (8.595 mulleres e 8.487 homes).
Deste xeito, o concello acada o seu teito histórico, superando os 17.018 de 2018. Daquela foi a primeira vez que a localidade superou a barreira dos 17.000 habitantes. Deste xeito, o padrón municipal conta con 64 novas incorporacións, o que se traduce no segundo maior crecemento da comarca de Pontevedra. Precisamente, é a capital de provincia a única que mellora este aumento, toda vez que de 2018 a 2019 pasou a contar con 227 novos veciños, de 82.802 a 83.029. Tras Poio, o maior incremento detectouse na Lama, con 15 altas, por 11 de Campo Lameiro e apenas 3 en Ponte Caldelas.
Poio desmárcase, ademais, da tendencia negativa que se produce en moitos concellos da provincia pontevedresa. Mentres que concellos como Cerdedo-Cotobade, Bueu ou Marín experimentaron un número de baixas notable (116, 139 e 43, respectivamente), o concello poiense consolida unha tendencia que é unha constante desde o comezo do século XXI. Tanto é así, que neste tempo só en 2017 se rexistrou unha perda de habitantes, pasando de 16.901 a 16.871.
A parroquia de San Salvador segue sendo a máis habitada, con máis de 7.500 veciños empadronados, seguida de San Xoán.
Visto en perspectiva, a medra de poboación no que vai de século é moi superior á de varios concellos da contorna. Lonxe quedan os 14.271 habitantes que se contabilizaran en Poio no ano 2001. Desde entón, a poboación medrou en máis dun 17%. Resultaron especialmente positivos anos como o 2008, no que houbo máis de 360 novos inscritos no padrón municipal. Durante a última década, Poio acabou por consolidarse por riba dos 16.000 habitantes, ata conseguir superar os 17.000.
O Goberno municipal amósase satisfeito con este crecemento e confía en que a tendencia se manteña nos vindeiros anos. O Concello tamén salienta o feito de que practicamente un tercio da poboación poiense (concretamente, o 28,9%) está formada por veciños de idades comprendidas entre os 15 e os 39 anos.
"Seguiremos traballando para manter este crecemento sostido e para favorecer a mellora da calidade de vida dos veciños", sinala o edil de Promoción Económica, Gregorio Agís.