ASAMPO levará a "Bolsa dos Desexos "a pé polo Camiño Portugués
Por Redacción
A Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) levará a "Bolsa dos desexos" a pé polo Camiño Portugués desde Tui a Compostela, nunha nova iniciativa que xurdiu na última mesa informativa de 2019 que esta asociación pontevedresa sen ánimo de lucro efectúa ao longo do ano para fomentar a doazón de sangue, órganos e tecidos.
A "Bolsa dos desexos" atesora peticións, esperanzas e sentimentos de centos de persoas de diferentes idades de toda Galicia que acolleron con ilusión esta iniciativa solidaria, que levarán a cabo integrantes e voluntarios da Asociación de Amigos da Pontevedrada -ASAMPO- durante máis de 24 horas seguidas, efectuando sucesivos relevos, entre Tui e Santiago de Compostela.
A saída coa "Bolsa dos desexos" produciráse fronte á Catedral de Tui o vindeiro sábado, 18 de xaneiro ás 8 da mañá e prevé chegar á praza do Obradoiro compostelá arredor das 10 da mañá do día seguinte, domingo 19 de xaneiro.
Previamente, na Alameda de Santiago de Compostela, reuniránse diferentes asociacións que dan visibilidade a diversas patoloxías de saúde en toda Galicia e, xuntas, acompañarán á "Bolsa dos desexos" o seu tramo final de percorrido ata depositalos na capela da Corticela, dentro da Catedral compostelá, onde un responsable do Cabildo os rexistrará e posteriormente utilizará para espallalos polo aire, dentro do Botafumeiro.
Ao longo da xornada do sábado, 18 de xaneiro, instalaránse carpas con mesas informativas en tres localidades polas que pasará a "Bolsa dos desexos" en O Porriño, en Redondela e en Pontevedra (o tramo nocturno non terá posibilidade de instalación de carpas).
Así, en Pontevedra o emprazamento da carpa con mesa informativa da Asociación de Amigos da Pontevedrada -ASAMPO- será o sábado 18 de 16 a 20 horas, na praza da Peregrina.