Sofre un accidente cando saía do Vao sen carné, seguro nin ITV e dá positivo en alcol e drogas
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra de 51 anos foi denunciado tras sufrir un accidente cando abandonaba o poboado chabolista do Vao, en Poio. Despois do sinistro, a Garda Civil descubriu que tiña o carné de conducir retirado xudicialmente, carecía do seguro obrigatorio, tiña caducada a ITV do vehículo e deu positivo nas probas de alcol e drogas.
Tras detectar todas estas irregularidades, a Garda Civil comunicoulle que está investigado penalmente por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo co permiso retirado por sentenza xudicial firme e que se tramitarán catro denuncias administrativas que supón perder 12 puntos do permiso de conducir e unha elevada sanción económica.
Todo ocorreu no marco das actuacións preventivas que a Garda Civil realiza no Vao para erradicar a venda e distribución de estupefacientes nesta zona de Poio. Sobre as 2:00 horas da madrugada do pasado venres a patrulla de seguridade cidadá da compañía de Pontevedra identificou o condutor dun vehículo que sufriu unha saída da vía.
O accidente non tivo consecuencias lesivas e sufriuno cando pretendía abandonar o poboado para non ser controlado polo axentes.
O home, veciño de Pontevedra, ten un amplo historial delituoso e ten retirado o permiso de conducir desde o mes de marzo do ano pasado. Non o recuperaba ata o próximo mes de xullo.
Os axentes inspeccionaron a documentación persoal do condutor e a do vehículo e puideron constatar que, ademais, circulaba sen seguro de responsabilidade civil obrigatorio e tampouco pasara a preceptiva inspección técnica do turismo (ITV).
A continuación, os efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil sometérono ás probas de alcol e drogas e deu positivo en ambas, esta última de forma indiciaria, pendente de confirmación polos informes do laboratorio.