Aprobado o proxecto de abastecemento de auga na parroquia de Lourizán
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, por un importe de 2.232,317 euros, a ampliación da rede de abastecemento dende a arqueta de Casal, na parroquia de Salcedo, ata diferentes lugares da parroquia de Lourizán, en concreto, O Marco, Os Cunchidos, As Nogueiras, Rorís, O Regueiriño, A Carballeira, O Rozo e Agrovello.
A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, lembrou que este proxecto está no marco do contrato da auga, que ascende na súa totalidade a máis de 58 millóns de euros, e que inclúe investimentos en diferentes parroquias do Concello, tanto de saneamento como de abastecemento.
As obras comprenden a instalación de todas as tubaxes precisas para fornecer de auga aos lugares comprendidos no proxecto, así como a correspondente reposición de pavimentos nas estradas e camiños afectados pola traza. Nas zonas onde a obra se execute fóra do vial reporase con terra vexetal onde sexa necesario, e en cruzamentos ou zonas de afección que estean formigonados, será reposto o formigón. Todas as canalizacións irán enterradas en zanxa e recheas con material de préstamo ou procedente da propia excavación.
A concelleira salientou que se trata dunha "obra moi potente", ao tempo "que necesaria para garantir o abastecemento nesta parroquia".
Ademais engadiu que forma parte "da aposta do goberno local polo ámbito rural" e , neste sentido, lembrou que "dixemos que o investimento no rural ía aumentar de velocidade no momento no que se aprobase o contrato da auga e agora estamos vendo como se está facendo realidade".