Reclama 15.000 euros ao Concello por romper unha perna ao golpear descalzo unha pedra na praia fluvial
Por Oskar Viéitez
Ao anecdotario de denuncias por responsabilidade patrimonial contra o Concello de Pontevedra hai que sumar a reclamación dun cidadán que rompeu a perna cando xogaba ao futbol na praia fluvial do río Lérez, en Monte Porreiro.
Este home propinou descalzo unha patada a unha pedra que se atopaba semi oculta na area. Como consecuencia do golpe rompeu a tibia e o peroné polo que reclamaba ao Concello 15.133 euros.
Os feitos sucederon o 16 de xullo do ano 2016 e a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu conta da sentenza este luns.
O fallo xudicial sinala que o demandante "non conseguiu probar que a causa desa lesión radicase na existencia dunha pedra oculta e imprevisible nunha área delimitada para xogar ao fútbol e mal conservada polo Concello".
Como noutras sentenzas reitérase o argumento de que "o standard de eficacia que se lle esixe ás administracións públicas non contempla estes casos" concluíndo que non é responsabilidade do Concello.