Aparece un terceiro can morto no Umia en catro días, esta vez cunha pedra colgada ao pescozo
Por Anxo Lourido
Os arredores do Umia estánse a converter, nos últimos días, nun cemiterio de cans vítimas de ataques violentos. Na tarde deste martes 16, unha muller que paseaba coa súa mascota encontrábase nas beiras do río o cadáver dunha cadela que tiña colgada ao pescozo unha corda e unha pedra de gran tamaño coa que, segundo todos os indicios, fora lanzada á auga.
A responsable do Refuxio de animais de Cambados, Olga Costa, indicaba a PontevedraViva que a morte se producira moi recentemente, apenas minutos antes de cando foi localizada, casualmente, pola mesma muller que o sábado xa se encontrara outro can morto, dentro dun saco, na beira do río.
No caso da cadela aparecida esta tarde podíase ver como tiña as enxivas rosadas e a lingua se encontraba esnaquizada, partida en anacos e por ela aínda manaba sangue. O animal apenas contaba con seis meses de idade e non mostraba signos de ter sufrido malos tratos anteriormente. Segundo relataba Olga Costa "no estaba ni delgada, ni en celo y pesaba alrededor de cuatro kilos. Es mucho más grande la piedra que ella, la ataron con un lazo verde de los que se utilizan para enrollar las verduras".
Alertados pola Protectora de Animais de Cambados, axentes do Seprona achegáronse ata o lugar, situado no límite entre Cambados e Ribadumia, á altura de Sisán, para levantar atestado.
Ademais do animal aparecido morto o sábado, durante a xornada do luns tamén se encontrou outro can falecido nas beiras do Umia. Desta forma xa son tres os cadáveres de cans aparecidos nunha ámbito de apenas 500 metros nos últimos catro días. Olga Costa comentaba que "no tenemos contra quien poner una denuncia. Por eso hacemos un llamamiento para que la presión social pare este tipo de actos".
A responsable do Refuxio témese que haxa máis animais mortos no fondo do río e móstrase desolada: "Chegar ao refuxio cun animal vivo, acéptalo pero chegar cun para metelo no conxelador, é moi duro. E neste caso chegamos tarde por uns minutos. Como non poñamos fin a isto, vai pasar unha traxedia. Xa o chaman o río da morte".
Olga Costa anuncia ademais que xa se puxeron en contacto con deputados para levar esta situación "ao Parlamento de Galicia porque as protectoras non podemas máis".