Os vendedores ambulantes denuncian irregularidades no mercado de Barro
Por Redacción
A Asociación galega de ambulantes e autónomos (AGAA) denuncia que non existe un control municipal por parte do concello de Barro sobre os vendedores no mercado que se desenvolve nesa localidade.
Segundo o escrito que o presidente de AGAA, Jesús Francisco Romero, presentou ante a directora xeral de Comercio estase a incumprir un dereito grave xa que existen postos nos que non se expoñen os datos persoais nin o documento de autorización municipal durante a celebración do mercado.
A AGAA indica que os ambulantes, desta forma, están a ocultar un dereito básico aos consumidores como é o de saber con quen tratan.
Por este motivo, solicitaba da Xunta a inspección e sanción a aqueles vendedores que non cumpran coa normativa. A directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez, trasladou o escrito ao concello de Barro para que adopte as medidas pertinentes. Non obstante, dende a asociación quéixanse de que xa en xuño de 2012 realizaron unha denuncia nos mesmos termos e continúan producíndose as mesmas irregularidades.