Pechan as instalacións deportivas ao aire libre e cancelan as actividades educativas no exterior polo temporal
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A alerta laranxa decretada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para este mércores 18 de decembro levou ao Servizo Municipal de Deportes do Concello de Pontevedra a pechar ata as 18.00 horas as instalacións ao aire libre do termo municipal e á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a acordar a suspensión das actividades no exterior ata a mesma hora.
Segundo a información facilitada polo Servizo Municipal, deuse orde de peche de todas as instalacións deportivas ao aire libre de maneira preventiva a partir das 12.00 horas do mediodía e ata a tarde. No caso da Xunta, a medida xa se aplica a partir das 9.00 horas.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa dun fenómeno adverso de nivel laranxa por vento, que será especialmente intenso na provincia da Coruña, na Mariña luguesa, no noroeste de Ourense e en Pontevedra. Espéranse refachos de ata 100 quilómetros por hora.
AEMET tamén informa dun episodio adverso no mar de nivel laranxa, que traerá vento moi forte que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Segundo a previsión, os efectos deste fenómeno deixaranse sentir a partir das primeiras horas deste mércores 18 e poderá prolongarse ata as últimas horas da tarde.
A borrasca virá acompañada de choivas intensas, de nivel amarelo, no suroeste, oeste e interior da provincia de A Coruña, no noroeste e sur da provincia de Ourense e na provincia de Pontevedra, podendo recollerse ata 60 mililitros de auga por metro cadrado en 12 horas.
A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e demais obxectos susceptibles de desprazarse co vento.
A Xunta ten activada tamén unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra por ventos de compoñente sur que poden chegar a forza 9 con mar combinada do sur con ondas de ata seis metros. Debido ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso ademais evitar aproximarse e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.