Declaran improcedente o despedimento do xornalista Eugenio Giráldez de Radio Pontevedra
Por Redacción
O Xulgado do Social número 4 de Pontevedra declarou improcedente o despedimento do xornalista Eugenio Giráldez e condena á empresa Radio Pontevedra a aboarlle 158.907 euros en concepto de indemnización ou a readmitilo nas mesmas condicións que tiña antes do despedimento.
Giráldez, de 54 anos, traballara durante os últimos 31 anos como Redactor Xefe e Xefe dos Servizos Informativos de Radio Pontevedra e de Localia TV Pontevedra. O 4 de decembro de 2012 era despedido sen previo aviso. A empresa alegaba para esta decisión "causas económicas".
A sentenza da maxistrada Aranzazu Fernández recolle os argumentos do avogado Evaristo Estévez, representante legal de Giráldez, ao entender que Radio Pontevedra forma parte dun grupo empresarial cuxos resultados económicos desdín que se trate de "un despedimento obxectivo".
Segundo se recolle no fallo, considérase probada "a responsabilidade solidaria das mercantís demandadas" (Radio Pontevedra, Radio Faro, Digital Radio, Bussiness Radio e outras entidades) que conforman un grupo empresarial. Desta forma afirma que "os irmáns Jorge e Carlos Hermida Aldao manteñen unha unidade de xestión e dirección" como empresarios á fronte do grupo e entende que para alegar motivos económicos para un despedimento "é esixible a acreditación de perdas en todas e cada unha das empresas integrantes do grupo".
Radio Pontevedra conta agora con cinco días para presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.