Ponte Caldelas quedará sen auga unha mañá enteira para reparar unha grave avaría
Por Redacción
Operarios do servizo de augas do Concello de Ponte Caldelas procederán este martes á interrupción da subministración no centro da vila co fin de poder reparar unha grave avaría detectada na canalización principal da rede municipal de abastecemento.
Os traballos para atallar o problema está previsto que se prolonguen entre as 9.00 e as 13.00 horas co fin de que os operarios especializados en solucionar este tipo de avarías poidan completar con éxito a emenda desta.
Debido á urxencia do problema, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mobilizou persoal do Concello para intentar minimizar ao máximo as molestias aos cidadáns. Así mesmo, o alcalde emitiu un bando informativo urxente anunciando este corte que foi distribuído por operarios do Concello nos principais establecementos e rúas do centro da vila, lugares que se verán afectados polo corte de mañá.
Perfecto Rodríguez "lamentou" ter que proceder a realizar o corte total na subministración do servizo de auga, pero explicou que "a gravidade e a orixe da avaría fan imposible atallala doutro xeito", segundo os técnicos.
O Concello asegura que esta avaría agora detectada "é tan só un incidente puntual" que os técnicos pretenden resolver en tempo récord. Tan pronto como sexa posible, procederase a repoñer o servizo de auga, considerando os técnicos que non debería producirse máis alá das 13.00 horas.