Dous menores feridos nun atropelo nun paso de peóns en Juan Carlos I
Por Redacción
Dous menores de entre 13 e 14 anos resultaron feridos nun atropelo rexistrado pasadas as 19.00 horas deste venres nun paso de peóns da rúa Juan Carlos I de Pontevedra. Ambos foron trasladados ao Hospital Provincial con feridas de distinta consideración.
Os dous feridos cruzaban a rúa polo paso de peóns cando un turismo os arroiou. Segundo relatou o condutor do vehículo, non os viu. No momento do sinistro era de noite e chovía insistentemente.
Un dos menores recibiu un golpe, caeu e, segundo indicaron á Policía Local fontes sanitarias, sufriu unha fractura de fémur. O outro ferido presentaba policontusións.
Ata o lugar do accidente trasladouse a Policía Local de Pontevedra, que confirmou que ambos os feridos foron trasladados ao Hospital Provincial. Ademais, entrevistáronse con testemuñas do incidente e un deles indicoulles que o condutor circulaba a escasa velocidade.