Un ciclo de conversas abordará a actualidade desde unha perspectiva galega
Por Oskar Viéitez
A Asociación Socio Pedagóxica Galega e a Deputación de Pontevedra veñen de organizar un ciclo de conversas que pretenden abordar a actualidade dende unha perspectiva galega. Baixo o título "Fálase de… " os coloquios centraranse en temas como o cambio climático, as mulleres no deporte de competición, a guerra comercial entre China e Estados Unidos, a emigración na Galiza actual e o xornalismo.
O ciclo foi presentado este venres pola deputada de Lingua María Ortega e a representante da directiva da AS-PG, Carme Vilariño.
"Fálase de… " é un proxecto que ten como finalidade crear un espazo divulgativo e formativo tanto sobre a actualidade galega como de temas que afectan ao país de calquera xeito. Serán charlas entre dúas persoas para despois abrir coloquio co público asistente.
Carme Vilariño indicou que "pretendemos que estes faladoiros sexan un punto de reunión e encontro de todas aquelas persoas interesadas en temas que afectan directamente á realidade e á sociedade na que vivimos", dixo, para engadir que "unha sociedade con coñecemento é máis libre, máis consciente de si mesma e con máis dignidade".
Vilariño destacou que na maior parte dos casos a cidadanía atópase con moita información "tendenciosa, parcelada, inmediata, e efémera que circula polas redes sociais e que precisa tempo e esforzo para peneirar", un tempo do que se carece, polo que "a chamada "sociedade da información" chega a convertese en sociedade da confusión".
O ciclo de conversas comeza o mércores 20 de novembro, no Edificio Administrativo da Deputación, ás oito da tarde, co faladoiro "Tensión estratéxica China-EE.UU. Fálase de guerra comercial entre China e EEUU", no que participarán Marola Padín Novas, colaboradora do IGADI e analista do Observatorio da Política China (OPCh), e Fernando Arrizado Abuín, xornalista actualmente responsable da sección de Internacional de Nós Diario.
O venres 22 de novembro, tamén as 20 horas, falarase de "Por que o cambio climático é a maior ameaza da historia?" da man do doutor en Ciencias Químicas Manuel Vicente, quen desde outubro de 2006 dirixe e presenta o programa de divulgación científica da Radio Galega Efervesciencia, e do xornalista científico de La Voz de Galicia Xavier Fonseca.
O mércores 4 de decembro fálase de xornalismo: "Que xornalismo precisa o momento actual? Cales deben ser os seus códigos de actuación?", da man da directora de Sermos Galiza María Obelleiro, e do tamén xornalista Rafa Cabeleira.
Finalmente, o mércores 11 de decembro o tema central será "As mulleres no mundo do deporte de competición", da man de Vero Boquete, futbolista profesional, actualmente nas filas dos Utah Royals FC (Salt Lake City, USA) e de Cristina López Villar, profesora da facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física na Coruña, e integrante dun grupo de investigación con diferentes liñas en torno ao deporte e o feminismo.