Terceira reunión de traballo do Consello Asesor de Pacientes en Montecelo
Por Redacción
O Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, do que forman parte 19 asociacións de doentes, mantivo este venres a súa terceira reunión deste ano 2019 para analizar temas de diversa índole como a vindeira posta en funcionamento dun novo espazo asociativo no Hospital do Salnés ou a presentación dun balance da execución gradual do plan de necesidades de Atención Primaria da área sanitaria.
A reunión celebrouse no Hospital Montecelo de Pontevedra coa participación do xerente da area sanitaria, Jose Ramón Gómez Fernández, e serviu para facer un resumo de obras de acondicionamento de diversos espazos asistenciais nos hospitais executadas recentemente e un informe da evolución do programa e-saúde e a proposta de adhesión de pacientes voluntarios ao programa e-cronics que prevé pilotar proximamente o centro de saúde de Vilanova de Arousa.
As asociacións de pacientes tamén plantexaron propostas de mellora na abordaxe da diabetes infantil e na información sobre as vacinacións en adultos.
O Consello Asesor de Pacientes é un órgano colexiado de carácter consultivo, que ten por finalidade mellorar a calidade da asistencia sanitaria a través da percepción dos servizos sanitarios por parte dos pacientes.
Así mesmo, asesora á Xerencia da Área Sanitaria sobre as actividades que teñan impacto sobre as condicións da atención, a mellora da saúde e autonomía persoal e os contidos das guías de información dirixidas aos pacientes.