Profesionais sanitarios reivindican un sistema de Cualificacións e Clasificación Profesional no sector
Por Redacción
Este mércores concentrábanse na entrada do Complexo Hospitalario de Montecelo un grupo de profesionais sanitarios, convocados por CC. OO., para reivindicar un sistema de cualificacións e clasificación profesional no sector sanitario.
Esta protesta enmárcase dentro das mobilizacións que se convocaron nos diferentes centros do sistema sanitario público de España, previa a unha manifestación xeral que se desenvolverá en Madrid o 30 de novembro. A concentración en Pontevedra contou co apoio dos sindicatos CSIF, CIG e UXT.
A proposta sindical contempla un novo marco de cualificación profesional, que supoñería un aumento de nivel e dos seus salarios. CC.OO. critica a anomalía de que o Estatuto básico do empregado público leve once anos cunha disposición transitoria que non se desenvolve.
Piden que o Goberno recoñeza o persoal sanitario. Ademais reclaman, entre outras melloras, a creación e reforma de novas titulacións de Formación Profesional Sanitaria; cambiar a especialidade de enfermaría médico-cirúrxica por dúas especialidades: enfermaría crítica e de urxencias e enfermaría de coidados paliativos e infecciosos; resolver urxentemente a avaliación da proba excepcional de enfermaría familiar e comunitaria; desenvolvemento pleno das competencias de Enfermería que a sitúe nun maior nivel de cualificación; establecer Urxencias e Emerxencias como unha especialidade médica e tamén incluír aos Traballadores Sociais como categoría sanitaria, incluída na Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias.