217.000 euros para renovar a iluminación de Lourizán con LED
Por Redacción
Lourizán será a cuarta parroquia pontevedresa na que se implante de maneira progresiva a tecnoloxía LED na iluminación pública. Anteriormente xa se levou a cabo esta actuación de mellora das condicións enerxéticas en Ponte Sampaio, A Canicouva e Bora.
Anabel Gulías, portavoz do goberno local, explicaba este luns que o importe de licitación ascende a 217.871 euros e supoñerá a renovación de todo a iluminación na contorna de Lourizán.
Segundo indicaba, posiblemente a seguinte parroquia na que se acometan actuacións destas características será Xeve, atendendo ao criterio da brigada de obras e do estado en que se atopen as luminarias actuais.
Ademais, tras recoller queixas por parte da veciñanza da parroquia de Lourizán con motivo das dificultades que atopaban os repartidores a domicilio e entregas postais debido á falta de actualización das placas en vías e edificios decidiuse cambiar as placas. Desta forma, tras realizar unha análise por parte dos servizos municipais, iniciouse a instalación de 1.300 placas adecuando as denominacións e axustándose aos topónimos oficiais.
Nesta mesma parroquia, a concelleira indicou que se están desenvolvendo obras para establecer a mesma calidade urbana que no centro de Pontevedra. Desta forma acometerase en breve a reforma de Marqués de Valterra cunha dotación de 68.000 euros, que supoñerá a mellora das beirarrúas no tramo entre os números 93 e 71. Estes traballos redimensionarán as redes pluviais e tamén se instalarán redes de saneamento nas zonas nas que faltaba, explicou Gulías.
Actualmente atópase en marcha a rehabilitación e asfaltado das vías de Rorís a Meán e de O Rial cun orzamento de 184.000 euros. Ademais, á próxima comisión de Mobilidade e Infraestruturas levará a reforma da rúa Martín Raxo.