Pontevedra lidera a oferta de escolas infantís de iniciativa social en Galicia: 1.700 prazas en 26 centros
Por Redacción
'Pipo', na rúa Carrasqueira, é unha escola infantil de iniciativa social. Está xestionada por entidades sen ánimo de lucro e recibe financiamento da Xunta de Galicia, de modo que os nenos de 0 a 3 anos aos que se lle asigne unha das súas 94 prazas non pagarán máis que nun centro educativo público para esta mesma idade.
ÿ un dos 26 centros deste tipo existentes en Pontevedra e este luns recibiu a visita da directora xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia, Amparo González. Aproveitou para explicar que na provincia se ofertan 1.700 prazas nesta modalidade de centros e que a Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano preto de 2 millóns de euros para mantelas
Acudiu acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e os concelleiros do PP na cidade Jacobo Moreira, María José Rodríguez e Miguel Meijón e dos datos achegados despréndese que a provincia pontevedresa é a que conta con maior oferta deste tipo de iniciativas de carácter social na primeira etapa educativa.
Así, en toda Galicia a Consellería destina máis de tres millóns de euros a manter unhas 2.700 prazas en centros sen ánimo de lucro como 'Pipo'. Pontevedra lévase preto de dous millóns deste presuposto para soster 1.700 prazas. Un trazo que diferencia á provincia, pero que, segundo asegurou, non conta con razóns obxectivas, "simplemente é así".
A responsable de Familia explicou que estas axudas que aporta a Xunta ocúpanse de sufragar custos de persoal, de alimentación, así como outros gastos xerais de mantemento. As entidades deben cumprir, entre outros, criterios como adaptar as tarifas ás contías máximas dos prezos dos centros de titularidade pública; ou prestar servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás festivos sinalados ou salvo causa xustificada.
Esta liña de axuda vén a complementar a oferta da rede pública dependente do Goberno galego, xa que presta o seu servizo nas mesmas condicións que estes centros no marco do interese do departamento autonómico por favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Isto é, ademais, un dos obxectivos fixados no Plan de dinamización demográfica, aprobado no Parlamento galego.
En total, o número de prazas 0-3 sostidas con fondos públicos este curso sitúase arredor das 19.000, xa que ás 8.267 prazas nesta rede da Galiña Azul da Xunta súmanse as de escolas municipais, de entidades de iniciativa social e arredor de 1.000 prazas de cheque infantil.