Adxudican a redacción do proxecto para ampliar a depuradora de Sanxenxo e o saneamento de Raxó
Por Redacción
O Consello de Administración de Acuaes, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, aprobou este luns a adxudicación, por 350.000 euros, o proxecto de mellora da depuradora de Sanxenxo e o saneamento de Raxó. A empresa Idom Conculting Engineering, Architecturing foi a gañadora do concurso, polo que se encargará de executar o plan.
O obxectivo deste contrato consiste en dar solución ao deficiente estado e calidade das augas da ría de Pontevedra, o que foi obxecto de continuas queixas por parte da Unión Europea e colectivos afectados.
Trátase de poñer fin ao deficiente estado no que se atopa o saneamento e depuración da zona compendida entre Samieira e Montalvo, especialmente en época estival, cando a estación de Paxariñas traballa ao límite da súa capacidade. Para combater esta situación acometerase a ampliación da EDAR, que unha vez finalizadas as obras poderá tratar as augas residuais dunha poboación ata 80.000 habitantes.
A actuación desenvolverase en dúas fases. A primeira consistirá na ampliación da estación, coa construción dun tanque de tormentas e un bombeo en Raxó. Ademais procederase ao acondicionamento dos colectores e bombeos existentes na liña de costa de Sanxenxo. A segunda, centrarase en completar os tanques de tormentas e na mellora dos alivios non incluídos na primeira fase.
Doutra banda, a ampliada estación estará equipada con mecanismos para a redución do consumo enerxético e o nivel sonoro. Instalarase tamén un sistema de desodorización e a integración na contorna.
O obxectivo é que a depuradora entre en servizo antes de decembro do 2023 e o investimento total do proxecto alcanzará os 24 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A nova rede para mellorar o saneamento de Poio e Sanxenxo custará 16 millóns
Por Redacción |
-
A Xunta reclamará ao goberno de Sánchez axilidade nos trámites para iniciar as obras previstas na ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Acuaes licita o proxecto de ampliación da EDAR de Sanxenxo e o saneamento de Raxó
Por Redacción |
-
A ampliación da EDAR de Paxariñas desbloquea anos de conflito polo saneamento de Poio e Sanxenxo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Poio leva á Xunta aos tribunais pola depuradora: "Non nos deixan outra alternativa"
Por Alejandro Espiño |