As altas temperaturas continuarán este luns: agárdanse entre 36 e 38 graos en Pontevedra
Por Redacción
Comeza unha nova semana, pero a calor sofocante que nos acompañou nos últimos días continuará entre nós. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteorología (Aemet), a semana comeza con 22 provincias, entre elas as catro galegas, en alerta laranxa e amarela polas altas temperaturas que se alcanzarán o luns en España. ÿ debido á ola de calor que entrou na Península o pasado xoves e que durará entre sete e dez días.
As provincias de Córdoba, Huelva, Sevilla, Toledo, Badajoz, Cáceres, A Coruña, Lugo e Ourense activarán a alerta laranxa (risco importante) por altas temperaturas, xa que os seus termómetros alcanzarán ata os 39 e 40 graos centígrados. Pola súa banda, activarase a alerta amarela en Jaén, Zaragoza, Ciudad Real, Cuenca, Guadalajara, Ávila, León, Salamanca, Segovia, Valladolid, Zamora, Madrid e Pontevedra por temperaturas máximas que marcarán os 36 e 38 graos.
Por iso, Protección Civil e Urxencias insisten en que hai que prestar "especial atención" ás normas da comunidade autónoma sobre prevención de incendios e periodos autorizados para realizar queimas de refugallos e aconsella que hai que manterse en lugares ben ventilados, beber frecuentemente auga ou líquidos e recomenda vestir con roupa de cores claras e cubrir a maior superficie posible da pel e a cabeza.
No caso de Pontevedra, segundo sinala Meteogalicia, un día máis sufriremos os efectos da masa de aire cálido de orixe norteafricana. Os ceos estarán totalmente despexados e as temperaturas, aínda que presentarán lixeiros descensos con respecto ao domingo, seguirán presentado valores elevados, tanto durante o día como pola noite polo que a sensación térmica de calor continuará dominando en toda a provincia.
ELEVADAS CONCENTRACIÿNS DE OZONO
O problema destas altas temperaturas que estamos sufrindo pola presenza desta masa de aire africano é que, segundo Meteogalicia, provocan "elevadas concentracións" de ozono nas Rías Baixas. Por exemplo, na estación de calidade do aire de Vigo superouse os 180 microgramos por metro cadrado de ozono.
As altas concentracións de ozono, especialmente cando alcanzan os 240 microgramos por metro cadrado, son un perigo para a saúde, xa que poden irritar as vías respiratorias, causar dificultades para respirar e danos pulmonares. Tamén pode desencadear ataques de asma. Polo que as autoridades piden que se extremen as precaucións, especialmente entre os grupos de maior risco.