Vilaboa edita 1.800 exemplares dun plano turístico do concello
Por Redacción
A Concellería de Turismo acaba de editar un plano turístico do Concello de Vilaboa e que xa se está empezando a distribuír entre os establecementos do concello e as diferentes oficinas de turismo dos arredores.
"Era un material do que careciamos, xa que o que houbo deste tipo procedía doutros organismos", indicou Ornela Fernández Salgado, tenente de alcalde e concelleira de Turismo, para engadir que "un concello como Vilaboa, con moitos e destacados recursos culturais, sociais e turísticos non podía estar máis tempo sen esta ferramenta", explicou.
Trátase dun plano de tamaño peto e desplegable, mentres que a sinalización cumpre os requisitos marcados pola Xunta de Galicia na materia. Por unha banda estará o plano do concello e por outra información turística dos recursos culturais, sociais e turísticos do concello. "Os planos están a disposición daqueles que nos visiten no punto de información turística do concello e tamén se pode descargar directamente desde a páxina web do concello, nunha pestana chamada turismo", engadiu a tenente de alcalde.
"Recóllense os viais principais do concello e todos os edificios e puntos de interese. Contén unha ampla información do municipio que permitirá que tanto os veciños como os visitantes saiban onde atopar o que máis lle interese", explicou Fernández Salgado.
En total editáronse 1.800 exemplares en galego, castelán e inglés. Este traballo será propiedade do Concello e poderá reeditalo cando o considere, modificando o que sexa preciso.