A Policía Local de Poio intercepta un condutor que deu positivo en tres drogas diferentes
Por Diego Espiño
Un condutor foi denunciado este sábado pola Policía Local de Poio por conducir baixo os efectos das drogas.
Os axentes déronlle o alto no transcurso dun control preventivo, na zona de Pazo Besada, e ao intuír que non se atopaba en condicións óptimas para conducir decidiron realizarlle o test.
O resultado desta proba foi positivo en tres das categorías que recolle, en concreto en cocaína, opiáceos e THC. Á súa vez, confirma a Policía Local, interviñéronse varias substancias prohibidas.
Ante esta situación, os axentes abriron un expediente administrativo que supón unha multa de 1.000 euros e a perda de 6 puntos do carné de conducir por manexar baixo os efectos das drogas.
Iso en canto á sanción administrativa, pero pode non ser a única consecuencia debido a que o Código penal recolle que os delitos contra a seguridade viaria, entre os que se inclúen a condución baixo a influencia de drogas, poden supoñer penas de prisión de tres a seis meses, multa de seis a doce meses, traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días e privación do dereito para conducir dun a catro anos.