Sanxenxo fixa en 3,6 millóns de euros as obras pendentes para completar o saneamento do municipio
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo estimou o custo que lle supoñerá cumprir co compromiso adquirido de levar o saneamento aos lugares aos que aínda non chega no municipio.
O equipo de goberno encabezado por Telmo Martín púxose como obxectivo que en 2023 non quede en Sanxenxo nin unha soa vivenda do rural que careza de saneamento e abastecemento de auga.
Segundo os cálculos realizados, dotar de servizos básicos a todas as vivendas do rural que carecen deles custará 3.666.626 euros.
Para lograr esta estimación estudáronse as zonas que requiren actuacións, o número de vivendas que carecen destes servizos por parroquias, os metros lineais de tubaxes de saneamento e auga que hai que instalar, onde se necesitan bombeos e os metros lineais de asfaltados que hai que levantar e repoñer.
Sanxenxo ten 16.118 vivendas entre principais e segundas residencias. Das cales 4.771 están situadas nas zonas rurais das 7 parroquias. O 85% por cento destas vivendas xa dispoñen de saneamento e auga. Pola contra, o 15% restante, en concreto 726 vivendas carecen de polo menos un dos dous servizos básicos: 375 vivendas carecen de saneamento e auga, 205 vivendas teñen auga pero non saneamento. e 146 vivendas teñen saneamento pero carecen de auga.
Entre as 146 vivendas que teñen saneamento, pero non auga, hai unha parte, especialmente vivendas vacacionais, que a pesar de que poden conectarse á rede prefiren abastecerse dos seus pozos xa que utilizan as casas moi pouco tempo ao ano.
Por parroquias, Noalla é a que maior número de vivendas conta nesta situación (284), seguida de Dorrón (141), Adina (110), Vilalonga (67), Nantes (57), Padriñán (43) e Bordóns (24).