Furtan o móbil ao traballador dunha ambulancia cando tiña o vehículo ás portas de Urxencias
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra como presunto autor dun delito de furto por subtraer o teléfono móbil ao traballador dunha ambulancia do interior do vehículo sanitario cando este estaba estacionado ás portas do Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo.
O arrestado, de 27 anos e natural de Marrocos, ten antecedentes policiais. Nesta ocasión, tras ser detido, tomóuselle declaración na Comisaría da Policía Nacional e foi posto en liberdade, unha vez advertido da obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando sexa requirido.
Os feitos remóntanse ao pasado día 2 de abril, cando un traballador dunha ambulancia denunciou na Comisaría Provincial a subtracción do seu teléfono móbil do interior da ambulancia. Os feitos sucederon cando se encontraba realizando o seu traballo no servizo de Urxencias do hospital e o teléfono móbil está valorado en 500 euros.
A raíz da denuncia, os axentes iniciaron as investigacións para tratar de identificar o autor da subtracción que deu como resultado a localización deste o mércores 3 de xullo ás 12.25 horas nas inmediacións do seu domicilio.