Ferido grave un traballador que caeu dun remolque e golpeouse na cabeza no porto de Cambados
Por Redacción
Un veciño de Cambados resultou ferido e tivo que ser trasladado ao Hospital do Salnés tras sufrir un accidente laboral no porto de Tragove, en Cambados.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, un particular alertou do sinistro ás 10.54 horas deste venres na nave da empresa de transportes Hermanos Cacabelos. Tras o aviso, trasladáronse ao lugar efectivos da Garda Civil, Proteccion Civil de Cambados e o 061.
O accidente rexistrouse mentres o traballador se encontraba nun vehículo articulado e, por motivos que se descoñecen, o remolque ou gabarra do camión se inclinou e o home caeu ao chan.
Co impacto, golpeouse na cabeza, de aí que o home, que responde ás iniciais A.C.B., requirise asistencia sanitaria e fose trasladado en ambulancia ao Hospital do Salnés.
Fontes sanitarias teñen confimado que pasadas as 12.30 horas seguían realizándolle probas radiolóxicas e carecían de diagnóstico do paciente. Pasadas as 14.30 horas determinouse que o seu estado é grave por unha fractura nun pulso e un traumatismo cranioencefálico. Quedará en observación, pero non se teme pola súa vida.