Unha veciña do Vao ingresa en prisión por roubar un portátil a unha menor hai un ano
Por Redacción
A veciña do Vao F.J.J. ingresou este luns 1 de xullo en prisión por un delito de roubo con violencia e intimidación que tería cometido hai case un ano, en agosto de 2012 ao roubar un portátil a unha menor na Barca, en Poio.
A muller foi arrestada pola Garda Civil e trasladada ao cárcere da Lama en cumprimento dunha orde de arresto e ingreso en prisión ditada polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra. Por estes feitos tamén están imputadas as súas irmás A.J.J. e C.J.J., pero o xuíz só pediu que se encarcere a ela.
Os feitos polos que ingresou en prisión remóntanse ao 20 de agosto de 2011. Segundo unha denuncia presentada na Comandancia unha semana despois, sobre as 20.00 horas unha muller foi vítima dun roubo con violencia e intimidación nas inmediacións do centro comercial A Barca e as presuntas asaltantes foron tres mulleres de etnia xitana.
Segundo a denuncia presentada pola nai da menor, subtraéronlle á súa filla un ordenador portátil, pero este puido recuperarse grazas á intervención dun mozo que presenciou os feitos e perseguiu as presuntas ladroas antes de que collesen un taxi en dirección ao Vao.
Froito da descrición achegada pola menor, os axentes que levaron a investigación prepararon un recoñecemento fotográfico. Entre 18 baterías fotográficas, a suposta vítima recoñeceu as tres irmás F.J.J., C.J.J. e A.J.J. como os seus asaltantes.
Os axentes non lograron localizar nin o taxista que as levou ao Vao nin o mozo que recuperou o portátil, pero si ás supostas ladroas. En setembro, un mes despois do roubo, foi arrestada FJ.J. Recoñeceu ter roubado o portátil, pero negou telo feito con violencia. Atribuíuno a unha broma e asegurou que ela e as súas irmás o devolveron voluntariamente.
As súas irmás non foron arrestadas, pero si imputada e o roubo seguiu a súa tramitación xudicial ata o Xulgado do Penal, que ordenou agora o ingreso en prisión de F.J.J..