Deteñen un furtivo por un enfrontamento con dous gardas civís no que un caeu ao mar
Por Redacción
A Garda Civil de Sanxenxo detivo o veciño de Portonovo de 35 anos C.M.L.C como presunto autor dun delito de atentado contra axente da autoridade polo enfrontamento que mantivo con dous axentes que intentaban identificalo cando mariscaba de forma furtiva.
A Garda Civil foi requirida polo servizo Guardacostas para identificar un mariscador furtivo que facía caso omiso ás súas indicacións.
Unha patrulla compareceu no lugar e pediulle que se achegase á costa. Nese momento, o detido arremeteu contra os axentes.
Froito do forcexo xerado, un dos axentes golpeouse contra as rochas e caeu ao mar. Xa recuperado, el e o seu compañeiro de patrulla lograron deter o furtivo.
O axente resultou ferido leve e tivo que ser atendido de urxencia no hospital Miguel Domínguez de Pontevedra. Non foi necesario o seu ingreso hospitalario, pero si lle deron a baixa para o servizo ordinario.
En canto ao detido, tras pasar polo cuartel de Sanxenxo, foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Cambados, onde prestou declaración e quedou en liberdade con cargos.