Dous investigadores do Centro Forestal de Lourizán explicarán nun foro mundial en Brasil como aproveitar a resina dos piñeiros
Por Redacción
Dous investigadores que traballan no Centro de investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que depende da consellería do Medio Rural, viaxarán á cidade brasileira de Curitiba para participar nun congreso forestal mundial a finais deste mes de setembro.
Neste encontro internacional, ambos explicarán o aproveitamento da resina procedente dos piñeiros. Expoñerán os ensaios que realizaron para determinar as posibilidades do seu uso mediante pica con cortiza de fronte ancha previa ao corte final en masas de piñeiros en Galicia.
Segundo expoñen desde a Xunta, o sector madeireiro amosou interese por estes avances sempre que sexan compatibles coa produción de madeira de calidade. O CIF de Lourizán leva un ano traballando en ensaios de resinación e está previsto que finalicen en 2021 para conseguir unha produción complementaria de resinas antes de realizar o corte final de madeira.
Tamén explicarán que están a realizar ensaios para utilizar o método denominado Borehole para ver as posibilidades do piñeiro para obter oleoresinas de maior valor engadido, de forma diferente ao sistema tradicional de pica de cortiza que se emprega en toda a Península Ibérica. Utilízase neste método un trade basal, que se espera que vaia penetrándose no mercado como novo sistema que ofrece mellor calidade do produto e unha rebaixa en canto a presencia de pragas e enfermidades nas árbores.
O congreso de Brasil está promovido pola Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal (IUFRO), que funciona como rede global de cooperación en ciencias forestais e conecta a máis de 15.000 científicos e preto de 600 organizacións de 126 países.