Cruz Vermella ensinará aos avós a coidar dos netos
Por Redacción
Os avós e avoas que teñen netos ou netas menores ao seu cargo, xa poden ir a clases onde se poñerán en valor as súas capacidades educativas en relación á súa función educadora sobre os menores que teñen ao seu cargo.
A Escola de Avós e Avoas Educadores/ as, dará comezo o vindeiro luns 23 de setembro e desenvolverase en 10 sesións todos os luns en horario de 10:00 a 11:30 horas no Centro sociocomunitario da Xunta de Galicia en Pontevedra (Hogar do Maior).
Durante as sesións, que durarán 90 minutos, realizaranse actividades interxeracionais de carácter lúdico nas que poderán participar avós con netos. Así mesmo, tratarán temas como os distintos tipos de modelos educativos, propoñeranse técnicas de resolución de conflitos, traballaranse as habilidades de comunicación para mellorar o entendemento entre ambas as xeracións.
Por último, ofreceranse técnicas de autocuidado e vida saudable que axuden aos maiores para mellorar as súas condicións de vida.
Todos os avós e avoas interesados poderán apuntarse na Sede de Cruz Vermella en Pontevedra e sumarse aos 106 maiores aos que a asociación axudou no último ano nun total de sete Escolas.