Comeza Ponteverán 2013, actividades de tempo libre para a mocidade pontevedresa
Por Redacción
Desde este luns, os nenos pontevedreses contan cunha ampla variedade de actividades de tempo libre. Comezou Ponteverán 2013, un programa da Concellería de Xuventude que durante os meses de xullo e agosto busca ofertar á mocidade pontevedresa un programa educativo e lúdico de actividades de tempo libre para as vacacións de verán.
As 09.00 horas saiu do Pavillón Municipal dos Deportes o autobús cos 46 nenos e nenas do campamento de tempo libre de Mouriscade que viaxarán ata o municipio de Lalín para participar nesta actividade de 10 días de duración con pernoctación. Trátase dun campamento de tempo libre que pretende dar a coñecer os costumes, o folclore e oficios artesanais de Galicia.
No colexio Álvarez Limeses, ás 10.00 horas deu comezo o primeiro dos obradoiros gratuítos de tempo libre para 30 nenas e nenos de 8 a 12 anos. Nesta primeira semana o obradoiro leva por título "Coñece a túa cidade" baseado en xogos e obradoiros que o que buscan é precisamente un coñecemento profundo dos nenos e nenas sobre a súa cidade.
Nesta semana tamén dará inicio o curso de informática "Procesador de textos", que se desenvolverá durante o mes de xullo, os luns e mércores, na Casa Azul e en horario de 11.30 a 13.00 horas. Neste curso participarán 18 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 14 e 30 anos. Esta é outra das actividades gratuítas do programa Ponteverán 2013.
As inscricións para os obradoiros gratuítos de nenos e nenas de 8 a 12 anos xa está pechada, e neles participarán un total de 135 persoas. O resto das actividades aínda están en periodo de inscrición: cursos de Clown, Xeoloxía, Informática, Escalada, Orientación, Piragüismo e iniciación á Agricultura ecolóxica.
Tamén quedan aínda prazas dispoñibles para a excursión ao skatepark de Oleiros o día 6 de xullo, as rutas de kaiak de mar polas rías e para participar no torneo de fútbol Ponteverán-CAFyD.
A maioría das actividades son gratuítas, agás o torneo de fútbol (30 euros de inscrición por equipo), as rutas de kaiak de mar (10 euros, 8 euros con carné xove e 4 euros no caso de familia numerosa) e o curso de escalada (20 euros, 16 euros con carné xove e 10 euros familia numerosa).
A programación pódese consultar na web www.ponteveran.info ou chamando á Oficina de Xuventude ao 986 840367 situada na Casa Azul, en horario de mañá de 9 a 14 horas.