Comezan as visitas guiadas polo Centro Histórico pontevedrés
Por Redacción
Coa chegada do verán volven a Pontevedra as visitas guiadas polo Centro Histórico da cidade, abertas para turistas pero tamén para cidadáns locais.
Dende este luns día 1 de xullo e ata o 15 de setembro realizaranse dúas rutas diarias con saída na Casa da Luz, na Praza da Verdura, ás 11:30 e 18:00 horas, salvo os domingos e festivos nos que a actividade se reduce a unha única visita en horario matinal.
A duración do percorrido estímase nunha hora e 45 minutos, tempo no que se coñecerán aspectos culturais, históricos, monumentais ou festivos relacionados coa cidade de Lérez, prestando especial atención ao papel histórico e urbanístico das prazas.
As visitas inclúen tamén un paseo polo interior dos santuarios de San Bartolomeu, Santa María e Peregrina.
O prezo fixouse en 5,60 euros por persoa, aínda que existen tarifas reducidas para xubilados, estudantes, nenos de 12 a 18 anos e parados e cidadáns de Pontevedra, aos que se lles cobrará 3,40 euros.
Como complemento a iniciativa, na segunda quincena de xullo e primeira semana de agosto incluiranse na oferta turística visitas guiadas teatralizadas.