Falece unha muller atropelada polo seu propio coche en Fofán, Armenteira
Por Redacción
A fatalidade cebouse cunha veciña de 50 anos de Fofán, en Armenteira, Meis, que faleceu este domingo atropelada polo seu propio coche cando se dispoñía a saír da vivenda na que se atopaba.
A vítima, segundo trasladan dende os efectivos de asistencia, foi arrolada polo seu vehículo previsiblemente ao non ter accionado o freo de man e intentar abrir o portal da casa.
Ao lugar dos feitos, acontecidos aproximadamente ás 10:00 da mañá, desprazáronse efectivos sanitarios de urxencia e Garda Civil, que solicitaron a presenza dun helicóptero médico, segundo informa o 112. A pesar dos esforzos os sanitarios non puideron facer nada por salvar a vida da muller.