A Xunta investirá máis de 100.000 euros na mellora do bombeo en Meis para dar servizo ao futuro parque acuático
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este mércores un convenio de colaboración coa alcaldesa accidental e tenente de alcalde de Meis, Araceli Maquieira, co obxectivo de colaborar no financiamento da mellora do bombeo para dar servizo ao futuro parque acuático e optimizar a rede para os veciños que viven na zona.
Rueda lembrou que coa sinatura deste convenio dáse cumprimento ao xa comprometido con anterioridade.
En virtude deste acordo, a Administración autonómica aportará algo máis de 100.000 euros para abordar esta actuación, o que supón un terzo do seu orzamento global, que ascende a algo máis de 310.000 euros. O proxecto inclúe, entre outros traballos, a instalación dun pozo de bombeo, e dunha canalización de impulsión.
Os traballos non só darán servizo á rede de saneamento da zona, senón que tamén permitirán contar coa capacidade suficiente para a construción do futuro parque acuático.