A Universidade pide que o Concello a exima de pagar o IBI e débelle 80.000 euros de tres anos
Por Natalia Puga
A Universidade de Vigo leva varios anos pedindo ao Concello de Pontevedra que o exima do pagamento do Imposto de Bens Inmobles e, aínda que non o conseguiu, optou por non pagar. Nestes momentos débelle á Administración local a taxa relativa aos tres últimos anos, unha débeda superior aos 80.000 euros, uns 26.000 euros por ano.
A información, facilitouna este martes o concelleiro de Facenda, Raimundo González, tras abordar a débeda da universidade durante a Xunta de Goberno. O imposto non pagado é o relativo aos anos 2009, 2010 e 2011, pero chegou á reunión semanal do Goberno municipal porque o asunto chegou xa aos tribunais e agora un xulgado obrigou o Concello a que estude a reclamación da institución universitaria.
Segundo explicou Raimundo Carballo, hai tempo que intentaron negociar o pagamento do IBI coa universidade, pero sempre sen éxito. A institución universitaria reclama non aboar nada e o Concello asume eximilo de pagar polos espazos dedicados a actividade docente, pero non nas instalacións non educativas, como os locais dedicados a cafetaría ou a práctica de deportes, entre outros.
O asunto chegou a este punto xudicial porque a Universidade presentou un recurso administrativo, o Concello tomboullo pola vía administrativa e agora, metéronse os tribunais no medio.
Raimundo González aclarou este martes que calquera negociación pasa por que a institución educativa entregue documentación na que relate os seus bens e os usos destes, para coñecer cales son destinadas á docencia e cales non, pero ata agora a universidade negouse a facilitala.