Condenado por estafar a un pontevedrés ao que vendeu un iPhone por Internet que nunca entregou
Por Natalia Puga
Un pontevedrés acaba de ser condenado a seis meses de prisión como autor dun delito de estafa por enganar a un cliente ao que vendeu un Iphone a través da páxina web Milanuncios, pero nunca chegou a enviarllo.
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra primeiro e a Audiencia Provincial de Pontevedra consideraron probado que puxo un anuncio na citada páxina web no que ofrecía un teléfono móbil Apple modelo iPhone 6 S plus por un importe de 430 euros "aínda sabendo que nunca faría entrega do mesmo".
No anuncio indicaba un teléfono de contacto a través do que a súa vítima contactou con el o 10 de setembro de 2016, pero a continuación proporcionoulle outros números a través dos que tiveron varias conversacións para concretar a compra do móbil. Ante o interese do comprador, envioulle unhas fotografías do seu DNI, pasaporte, de dúas caixas de teléfonos Apple iPhone 6 S Plus e dun contrato de compravenda por importe de 430 euros.
O día 11 de setembro de 2016, o comprador realizou unha transferencia a unha conta titularidade do acusado por importe de 430 euros, a pesar do que o acusado nunca lle enviou o citado móbil, segundo considera probado o xulgado.
A primeira sentenza data do 23 de xaneiro de 2019 e imponlle medio ano de prisión e o pago dunha indemnización de 430 euros, pero o acusado recorreu alegando un erro na valoración da proba. A Sección Cuarta da Audiencia Provincial revisou o caso e confirmou o fallo inicial.