Jacobo Moreira pide á Deputación que "non se poña de perfil" en relación coa Escola de Cantería de Poio
Por Redacción
O deputado do PP no Parlamento de Galicia Jacobo Moreira pediu este luns á Deputación Provincial de Pontevedra e á súa presidenta, Carmela Silva, que "non se poña de perfil" en relación coa situación actual da Escola de Cantería de Poio e a homologación do seu título.
A Escola depende da Deputación Provincial e o deputado do PP quere que aclare se o que está promovendo é unha nova titulación ou a homologación cunha FP para o emprego e que se implique na defensa do centro.
Moreira descarta unha "solución a medias" e reclama unha titulación nova, que debe ser autorizada pola Goberno Central, de maneira que pide á Deputación que fale directamente co Executivo para dar una solución integral e definitiva á demanda dos canteiros.
O deputado autonómico recordou que, ao mesmo tempo que a Deputación promete unha homologación que non é tal, trata de transferir a titularidade da Escola á Xunta. Na súa opinión, resulta "un pouco estraño" e, con este comportamento, "máis ben parece que para a Deputación de Pontevedra a Escola de Canteiros é un problema e quere desfacerse dela".
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, o deputado do PP valorou que "hai moita confusión e falsas expectativas, e os alumnos merecen ser tratados con seriedade" e quixo aclarar que non existe ningún procedemento nin sistema que permita homologar ensinanzas non regradas como as actuais con títulos oficiais de FP.
En concreto, pediu non confundir a Formación Profesional educativa coa Formación Profesional para o emprego, pois a FP educativa é unha titulación académica, un título de formación regrada, é dicir, dá acceso a outros estudos, e quen dá esas novas titulacións de FP educativa é o Goberno central.
Na súa opinión, homologar os estudos actuais coa Formación Profesional para o emprego "sería un parche". Ademais, asegura que resulta unha solución satisfactoria para os canteiros, como eles mesmos xa declararon.
Chegados a este punto, Moreira insiste en que o PSOE de Carmela Silva presume de ter un goberno amigo en Madrid e cre que é o momento de que o demostren. "Onde está a interlocución do PSOE da Deputación con Madrid? Non a teñen? E se a teñen por que non a usan? Os títulos dáos Madrid. Para que precisan á Xunta?", pregúntase o deputado pontevedrés.
Relacionadas:
-
Visto bo ás obras que permitirán iniciar os trámites para que a Escola de Cantería poida ter titulacións oficiais
Por Redacción |
-
O BNG pide cooperación á Xunta e Deputación para salvar a Escola de Cantería
Por Manu Otero |
-
O PP vota en contra da homologación do título de canteiría da escola de Poio
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento a homologación dos estudos da Escola de Cantería
Por Redacción |