Ponte Caldelas estrea un 'banco LGTBI' para celebrar o Día do Orgullo
Por Redacción
Ponte Caldelas dá un paso adiante na celebración do Día do Orgullo LTGBI. En lugar de limitarse a colgar a bandeira arco iris do balcón da Casa da Cultura, como en anos anteriores, desta volta pintouse o banco da escultura do Pescador, no paseo da Calzada.
O goberno local quixo deste xeito facer un apoio explícito ao dereito de todas as persoas a vivir a súa sexualidade dun xeito pleno e, despois de barallar distintas alternativas, optou por dotar ao municipio dun banco LGTBI.
Ademais, ao tratarse dun dos puntos máis turísticos de Ponte Caldelas anima a todos os veciños e visitantes a utilizalo para facerse fotos e compartilas nas redes sociais.
O acto contou coa participación da escritora caldelá Sara Suárez, quen leu textos do seu libro Entropía. O goberno local, situado detrás do banco, foi o encargado de retirar unha tea negra que cubriu a peza durante a primeira parte. Xa co banco descuberto, a escritora rematou a iniciativa coa lectura do seu último texto poético.
A praza de España, pola súa banda, tamén se sumou a esta reivindicación. As luces LED da pérgola e os bancos deste espazo locen tamén coas cores do arco iris, ofrecendo unha imaxe moi novidosa.