Paredes celebra a terceira edición da Festa Medieval
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O sábado 22 de xuño celébrase a terceira edición da Festa Medieval no incomparable marco da antiga Canteira de Paredes (Vilaboa), unha zona con grande importancia paisaxística e medioambiental.
A maior parte dos veciños acudirán ataviados con traxes de época polo que a comisión organizadora recomenda aos visitantes achegarse tamén enfeitados ao xeito medieval. Dende primeira hora da mañá, e durante toda a xornada, haberá mesas para a degustación gastronómica, coa posibilidade de que os asistentes leven a súa propia comida ou a adquiran a prezos populares no posto de venta que instalará a organización.
A media tarde iranse desenvolvendo diversas actuacións de cantareiras, gaiteiros, pandeireteiras, e daquelas persoas que queiran formar parte principal da celebración. Haberá, tamén, xogos populares para todas as idades e algunha outra sorpresa.
A partires das 21 horas continuarán as actividades musicais coa actuación do versátil César Freiría no seu papel de Cé Orquestra Pantasma. Deseguido, ás 23 horas, farán a súa espectacular presentación musical o medio cento de integrantes, entre pandeiretas, tambores, gaitas, violín, batería, guitarra, baixo e voces, da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade. A súa popularidade levounos a actuar fóra de Galicia e de España. Presentaron recentemente o seu primeiro disco, Dende a ialma, un éxito total que poderemos gozar nesta noite de festa.
Para rematar a xoldra, actuará o grupo tradicional Mestres do fol, músicos consagrados que compatibilizan a súa paixón pola interpretación coa ensinanza da tradición musical galega.
Este ano, a Festa Medieval terá continuidade na noite de San Xoán coa participación de recoñecidos grupos da música popular galega.
A velada do domingo 23 de xuño comeza ás 22:30 horas coa actuación do grupo de percusión galega Pelepau, un grupo de doce compoñentes, afincado en Vigo, que nace co fin de arranxar temas da tradición galega para percusións e voces, e que dará paso á tradicional fogueira.
Trala cacharela, chegará o concerto do recoñecido grupo de música galega, Os Carunchos, unha das formacións máis destacadas da música tradicional galega.