Combarro trasladarase á época medieval o 29 e 30 de xuño coa IV edición do Día de Colón
Por Alejandro Espiño
Combarro volverá trasladarse ao século XV os días 29 e 30 de xuño. Xa está todo a punto para a IV edición do Día de Colón, unha festa coa que Poio busca reivindicar a orixe galega do coñecido conquistador. Un evento que, segundo os seus organizadores, "non é unha copia de nada" e que é "unha das poucas festas deste tipo que conmemoran un evento histórico real", destacou Ángel Moldes, presidente da Asociación de Comerciantes de Poio.
O Día de Colón, organizado tamén polas asociacións Combrus, Vides Novas e Mare Podium, volverá manter o formato da edición pasada. Pero respectando o feito de que é unha festa "viva", dixo Moldes, incluiranse numerosas novidades. O máis importante é que se intentará que haxa unha maior participación dos visitantes nas actividades programadas, "unha das reivindicacións que nos fixeron os veciños".
Así durante os dous días da festa, desde as once da mañá e as dez da noite, sucederanse numerosos obradoiros, xogos e actividades cos que os asistentes "formarán parte de forma activa da festa". O primeiro dos grandes eventos terá lugar o sábado 29 ás 12.30 horas. ÿ o momento no que está previsto que chegue a Combarro a Nao Santa María con Colón e a súa tripulación a bordo.
Será o inicio dun gran número de actividades, entre as que os seus organizadores destacaron que se manterá a exhibición e taller de tiro con arco na praia do Padrón, ou as actividades de esgrima, cetrería, teatro, música, bailes medievais ou contacontos que terán lugar na Praza da Chousa. A elas sumaranse, na tarde do sábado, unha carreira de barrís ou un concurso de lanzamento de alpacas. E, por suposto, o mercadiño artesanal que estará instalado durante os dous días de festa.
De cara a aumentar o prestixio da festa, Ángel Moldes fixo un dobre chamamento aos veciños de Poio. Por unha banda que acudan á festa "vestidos de época" para que o Día de Colón mantéñase "igual que a Feira Franca" entre as festas de mellor ambientación de Galicia. E por outro, solicitou unha maior implicación á trintena de establecementos hostaleiros de Combarro xa que a festa "nos benefícia a todos".
Na presentación do IV Día de Colón, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, destacou que este evento "é moi importante para o noso concello" e celebrou que, tras tres anos de vida, "é unha festa que xa non ten volta atrás". Ademais sinalou a importancia da gran participación veciñal nesta celebración "para reivindicar a nosa historia" e encomiou tamén o traballo da Casa-Museo de Cristóbal Colón para reforzar a teoría da orixe galega do conquistador.