"Cando soe o teu móbil, deixao soar, que se é realmente importante, volverante chamar"
Por Redacción
"Cando soe o teu móbil, deixao soar, que se é realmente importante, volverante chamar". Podería ser o lema dunha campaña de promoción dunha compañía telefónica ou da Dirección Xeral de Tráfico, pero é, en realidade, un modelo de sms ideado por unha alumna do colexio Sagrado Corazón de Os Praceres no marco do Programa de Formación en seguridade vial que acometeu neste curso académico a Policía Local.
A rapaza foi unha das catro autoras dos sms gañadores, unha iniciativa que se celebrou no Nadal e no que tamén resultaron premiados escolares de Ponte Sampaio, Lérez e Os Sauces con mensaxes como "Próspero 2012. Come las 12 uvas y conserva los 12 puntos".
Os catro leron as súas mensaxes este martes no acto oficial de peche de campaña de educación viaria celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de 360 persoas, entre os que se atopaban todos os centros que participaron nas charlas impartidas no marco do programa, todos os nenos de Quinto de Educación Primaria, profesores, directores, pais ou representantes da Garda Civil.
Nun acto presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle; e a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, tamén tiveron o seu momento de protagonismo os nenos premiados no concurso de cartas, dos centros As Doroteas, Marcos da Portela, Sagrado Corazón de Jesús, Vilaverde, Campolongo e Carballeira.
O acto estivo amenizado por un grupo de animación infantil e incluiu a entrega de bicicletas e reproductores de música aos rapaces gañadores de ambos os dous concursos de sms e cartas, dúas actividades do programa formativo cos que se buscou que os escolares do municipio tomaran conciencia xa dende a infancia da importancia de garantir a seguridade vial.
Este plan de formación pretende espertar o interese e a sensibilidade sobre os problemas que poda xerar a mobilidade e propoñer a educación viaria como alternativa válida para afrontalos, baixo o aspecto de unha formación que debe iniciarse nas primeiras etapas do individuo como usuario das vías e a través das institucións e dos responsables de estas que están máis directamente relacionados e implicados.