Intensifícase a campaña de descargas de pesca conxelada no porto de Marín
Por Redacción
O porto de Marín está a vivir unhas intensas xornadas de descarga de pesca conxelada en diferentes peiraos, con destino ás plantas frigoríficas que se sitúan no recinto. Ata final de semana están a traballar dous grandes buques frigoríficos: "Frío Poseidón" no Peirao Comercial Sur e "Igueldo", no Peirao Pesqueiro Norte. Entre ambos deixan en terra preto de 4.000 toneladas de peixe conxelado.
Hai uns días estivo a descargar no Peirao Este o "Monteferro", conxelador construído recentemente en Nodosa e que cumpre coa súa segunda campaña pesqueira en alta mar. E para esta semana está anunciada a chegada doutros dous barcos frigoríficos.
Ata o mes de abril, a pesca conxelada no porto de Marín aumentou un 22% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Trátase dunha mercadoría en contínuo crecemento durante os últimos anos e para a que Marín conta con certificación europea de calidade. O porto é un referente loxístico para a recepción, elaboración e distribución deste tipo de produtos.
As plantas frigoríficas situadas no porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca.
Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona. O porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto. Desde as plantas de frío do expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns deles recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores.
Ademais das descargas de peixe conxelado a granel, o porto de Marín é un referente loxístico para a operativa desta mercadoría en contedor. Termarín, a terminal de contedores do porto, é escala nos roteiros internacionais de grandes navieras para tráficos deste tipo.
Así, o porto de Marín consolidouse como unha porta de entrada de primeira orde para os contedores "reefer" en Galicia. A terminal conta con máis de 500 conexións para mercadoría refrixerada e con todos os servizos e maquinaria especializada para atender estes tráficos.