Perdemos un canón!, movemento para localizar o antigo canón militar da Praza de Campolongo
Por Redacción
Era un canón de 15 toneladas, de 7 metros de longo e 2 de alto que se encontraba como peza de ornamento na Praza de Campolongo, fronte ao cuartel de artillaría de Campolongo. En 2006 desapareceu cando se realizaron as reformas dese ámbito coa construción do edificio de Facenda. Agora un grupo denominado Baterías de Costa das Rías Baixas emprendeu a busca desta peza Munáiz-Arguëlles que, xunto a outras cinco de similares características que se encontraban nas Rías Baixas, constituía un elemento de interese para este colectivo interesado na recuperación deste tipo de materiais do exército.
Coa intención de localizar o canón, os membros de Baterías de Costa das Rías Baixas puxéronse en contacto co Concello de Pontevedra pero dende o arquivo municipal indicáronlles que a retirada da peza correu a cargo do ministerio de Defensa. Non obstante, cando os integrantes deste grupo contactaron con representantes do ministerio, ninguén foi quen de ofrecerlles unha explicación sobre o paradoiro no que se encontra o canón que data do ano 1903.
A partir destes infrutuosos resultados, o grupo puxo en marcha a campaña Perdemos un canón! a través das redes sociais. Reclaman que calquera persoa que poida proporcionar información sobre a peza se poña en contacto con eles no seu Facebook.
O canón orixinalmente de cor gris había sido pintado de rosa dentro dun acto reivindicativo nos últimos meses antes da reforma da Praza de Campolongo, anteriormente coñecida como Praza de Paco Leis.
Baterías de Costa das Rías Baixas publica este vídeo reclamando información sobre o canón.